SIEFI: Sistema de Información Empresarial para o Fomento da Innovación
SIEFI (Sistema de Información Empresarial para o Fomento da Innovación) é un proxecto aprobado no marco de Interreg III A, orientado a desenvolver iniciativas que promovan o fomento da innovación no ámbito empresarial da eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia (Fundación Calidade), dependente da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, actúa como xefe de fila, contando coa colaboración de destacados socios da eurorrexión.
O proxecto pretende concienzar, difundir e orientar as empresas en accións que posibiliten a definición e implantación dunha cultura innovadora que sirva como eixo para definir novas liñas estratéxicas, para impulsar actuacións anticipativas fronte aos novos retos e para incrementar a produtividade a medio e longo prazo.
As súas actuacións contemplan accións orientadas a todos os sectores produtivos, e afondan especialmente nos sectores da automoción e da madeira.
Paralelamente busca contar cun completo mapa empresarial, con información integrada e consistente que ofreza resultados fiables.
O período de realización do proxecto comprende os anos 2006 e 2007.




